Noia, 11 de marzo de 2021. Noia dá un paso en firme para converterse nun destino turístico de peso este 2021. Cunha renovada imaxe corporativa na área de Turismo e a súa recentemente estreada web, a vila coruñesa lánzase á conquista de novos visitantes domésticos, nacionais e internacionais, apelando ao peso histórico do municipio, a súa oferta vinculada ao mar e unha potente oferta gastronómica co seu afamado berberecho como referencia.
“Respira mar e historia” é o slogan escollido para atraer a atención cara a un destino que, como se pode apreciar no amplo catálogo de recursos recollidos no site, dispón dunha rica variedade de edificios históricos, un patrimonio natural moi destacado grazas á súa localización na Ría de Muros e Noia e xunto ao leito do río Tambre, e unha gastronomía de peso vinculada aos produtos KM0.
A nova estratexia dixital, que busca reunir toda a información turística nun mesmo espazo en liña con contido multimedia atractivo e xeolocalización exacta, pasa tamén por visibilizar a axenda turístico-cultural do municipio a través dunha completa sección tanto de programación especial como de citas festivas anuais.
As propostas para o viaxeiro complétanse ademais con plans para diferentes perfís de visitantes. Desde unha escapada en familia ata os detalles do roteiro cara a Santiago que fixeron os primeiros peregrinos que arribaban a Galicia a través do Portus Apóstoli.
A web está dispoñible en castelán, galego e inglés, completamente adaptada para a súa visualización en dispositivos móbiles e tabletas. Inclúe, á súa vez, un blogue no que se envorcarán contidos actualizados sobre plans e información complementaria do destino.
Os roteiros para descubrir o municipio e os arredores serán unha das principais novidades nesta web nunha segunda fase de implantación, xa prevista para os próximos meses. Poderanse realizar seguindo os trazados a través da xeolocalización sobre un mapa, vendo nunha soa ollada que zonas de interese hai próximas.
A área de Turismo e Cultura de Noia quere, ademais, ofrecer ao sector hostaleiro unha ferramenta máis para a reactivación económica tras un ano de pandemia. Na web poderán, en poucas semanas, subir unha ficha dos seus establecementos, destacando os seus servizos e subindo unha galería de fotos de cada local a través dun microsite personalizado e dunha área profesional deseñada ad hoc para a industria turística do municipio.