Noia é un destino ideal para viaxar en familia. A vila, dun tamaño perfecto para ir con nenos, dispón de múltiples espazos recomendables para os máis pequenos a poucos pasos entre si. Manexable, segura e con praias preto, vir á nosa localidade para pasar tempo cos teus é unha aposta segura.
Unha vila de mitos e lendas que che axudará a achegarlles a historia que empapa os edificios e monumentos do centro histórico, á vez que estimulas a súa imaxinación e se entreteñen.
Parques infantís, un básico para calquera pai, e actividades ao aire libre completan a oferta para os máis atrevidos, nunha contorna única onde a presenza do mar, empápao todo:
- Rafting
- Paseos a cabalo
- Sendeirismo de diferentes niveis de dificultade
- Paseos en barco
- Visitas guiadas
Gozar das praias bañadas polo Atlántico e os espazos fluviais, con restos arquitectónicos e arqueolóxicos de interese, a poucos quilómetros do centro urbano son dúas das actividades imprescindibles se vés visitarnos.
Sen dúbida a gastronomía é sempre a guinda do plan, cos berberechos da ría e as empanadas típicas, que fan as delicias dos máis maiores e conquistan aos máis novos da familia.
- Consulta na nosa oficina de turismo as actividades programadas para os máis pequenos e planifica a túa viaxe!