A tradición di que Noia foi fundada por Noé e os seus descendentes. Esta lenda perpetúase no escudo do concello
AS ORIXES E PRIMEIRAS TESTEMUÑAS ESCRITAS
A testemuña da presenza humana témola no dolmen da Cova da Moura ou Anta de Argalo, manifestación propia da cultura megalítica que se desenvolve do 4000 ao 2000 A.C. Tamén os vestixios da cultura castrexa, que non só aparecen nos libros senón na toponimia do castro de San Lois, castro de Sobreviñas, castro Lampreeiro, etc.
Pero as primeiras testemuñas escritas sobre a comarca de Noia proceden xa dos escritores clásicos como Pomponio Mela na súa obra Chorographia (século I d.C.), ou Plinio no escrito Naturalis Historia, onde ao describir a costa galega fala do "oppidum (pobo fortificado) de Noega". A presenza romana nestas terras dátase desde o século II A.C. ao paso da vía “Per Loca Marítima”, e pódese ver nas pontes medievais.
IDADE MEDIA
Nesta época Noia vólvese unha das principais cidades galegas ao descubrirse o sartego do Apóstolo. Convertida no Porto de Compostela, coñecerá un gran desenvolvemento das súas actividades comerciais.
Durante os séculos IX e X créanse novos lugares de poboamento como Vilanova, Vistahermosa, Vilaboa, Vilar de Boa, Vilar de Ousoño, Vilarello, etc.. Proceso expansivo que será determinante no século XII cun novo desenvolvemento urbano que culmina cando Fernando II de León outorgou o 9 de abril de 1168, unha nova carta de poboación, na cal faculta e concede ao Arcebispo de Compostela, "don Pedro Gudesteiz”, a poder edificar e establecer un novo burgo na terra de Santiago, na comarca de Santa Cristina de Noia, á beira do río Tambre, que se chamará Totum Bonum.
Durante este período Noia convértese nun destacado porto marítimo, onde se van desenvolver importantísimas actividades económicas e pesqueiras que continuarán durante os séculos seguintes.
Unha mostra da importancia de Noia na antigüidade é o feito de aparecer nos Atlas (tamar Luxoro) de mediados do século XIV: no de Angelino Dulcert (Mallorca 1339), no Atlas Catlán (1375) de Cresques Abraham e no de Ortelio, no que se recollían as localidades florecentes no comercio ou de recoñecida tradición histórica. Politicamente convén resaltar que Noia vai ficar baixo a xurisdición da mitra compostelá dende que os monarcas asturianos concederan a Santiago o señorío sobre todo o territorio, que nun radio de 24 millas rodeaba á cidade do Apóstolo.
Por último, pódese sinalar que o rei Fernando III, no 1238, confirma o privilexio que o seu pai outorgou a Pontevedra e a Noia (producir graxa de saín a partir da sardiña) e o de engadir ao seu escudo a peza heráldica da “media lúa” en recordo e premio ao comportamento dos seus mariñeiros durante a conquista de Sevilla aos mouros.
Durante os últimos séculos da Idade Media, Noia vai adquirindo a súa actual configuración urbana, pois empréndese a construción das murallas que van defender a vila (1320), a fortaleza do Tapal, a maior parte das casas señoriais das cales aínda conservamos fermosos exemplos, os hospitais do Curro, Espírito Santo e San Lázaro, así coma a reedificación das vellas igrexas de Santa María a Nova e San Martiño, a reconstrución dos vellos pontes romanos e a configuración das rúas.
Na vila de Noia celebrou tamén o arcebispo Frei Berenguel de Landoira, no ano 1319, o primeiro concilio que tivo cos seus clérigos.
No século XV outro arcebispo, Alonso Fonseca II, foi prisioneiro en Noia durante os enfrontamentos entre os nobres e a mitra. De aquí foi levado a Vimianzo, onde quedaría encarcerado ao longo de case 3 anos.
Pouco despois teñen lugar revoltas de moita maior transcendencia que desta vez enfrontaron a campesiños e burgueses contra o poder nobiliario e o alto clero: as revolucións Irmandiñas que entre 1431 e 1469 opuxéronse á desmedida ambición dos señores, que pretendían suplir a súa disminución de ingresos durante esta época de crises resucitando vellos impostos e prestacións persoais xa en desuso. A Irmandade noiesa tomou a fortaleza do Tapal por asalto e causou nela importantes danos. No 1476 os Reis Católicos acordaron a súa devolución ao arcebispo Don Alonso de Fonseca II, quen reforzou o castelo.
IDADE MODERNA
De acordo cun breve do papa Gregorio XIII, Felipe II desmembra no 1585 diversas vilas do señorío do arcebispado compostelá e procede a súa venda. Noia é adquirida polo xenovés Baltasar de Lomelin, e despois pasou a gobernar o xenovés Sinivaldo Fiesco. No ano 1636 a vila foi reintegrada na mitra compostelá ata a desaparición dos señoríos.
Tamén neste momento comezaron a cobrar importancia as feiras e mercados de gando, sobre todo a de San Marcos. En 1533 Noia convértese no centro de contratación da sardiña para A Real Armada para Cataluña e Portugal, o cal significa o relanzamento da súa industria e comercio, que farán de Noia un dos portos comerciais máis importantes do Norte peninsular. Pero Felipe II, fatalmente, vai vender a vila a un comerciante xenovés en 1585 buscando fondos para seus proxectos bélicos. Baixo a administración do italiano iníciase a decadencia de Noia que a comezos de século XVII perde máis da metade da súa poboación, pasando de uns 4.000 habitantes a pouco máis de 2.000. En 1636 volve á mitra compostelá, pero a desacertada política belicosa dos Austrias e o conseguinte peche dos portos británicos e holandeses ao comercio noiés, que fora moi intenso durante os séculos anteriores, precipitan a decadencia que continuará durante todo o século XVII por causa das contribucións de guerra e as continuas levas.
O século XVIII contempla o crecemento dunha nova clase social, a pequena nobreza de fidalgos que subarrendan as terras a prezos desorbitados. Ademais, o aumento de poboación que ten lugar durante este século fixo que crecera tamén a demanda de terreos para o cultivo. Así esta fidalguía intermediaria entre os detentores da terra –a igrexa e os nobres absentistas –e os campesiños, vai acumular rapidamente importantes ingresos cos cales construirá os seus pazos rurais: os de Argalo, Bergondo e, xa no século XX, o de Pena de Ouro.
Por outra parte as pestes e fames do século XVIII tamén tiveron presenza na nosa comarca, de maneira que á chegada dos monarcas reformistas borbónicos, a prostración de Noia é total.
A eficaz labor reformista dos “ilustrados” permite que cara finais deste século resuciten en Noia as industrias derivadas do mar, especialmente a da salgadura do peixe e a dos curtidos, con pequenos obradoiros de artesanía nos que os noieses chegaron a ser consumados mestres e a converterse nos máis fortes exportadores.
A IDADE CONTEMPORÁNEA
No século XIX, durante a guerra contra os franceses, ten lugar a reunión das Cortes de Cádiz onde se vai consumar a definitiva separación de Noia da xurisdición arcebispal. En 1835 a “desamortización” obrigou a saír de Noia aos franciscanos, o que supuxo o abandono do seu convento e a perda dunha importante biblioteca.
En 1846 Noia pronúnciase a favor do levantamento militar no que participaron os máis importantes precursores do galeguismo e o “Renacemento”, e que terminou coa execución sumarísima dos chamados mártires de Carral trala derrota das tropas do comandante Solís. Posteriormente, Noia experimentou as represalias gobernamentais que levaron a moitos galeguistas ao exilio (entre eles ao poeta de Outes, Francisco Añón).
Pouco despois, durante o mesmo reinado de Isabel II, ten lugar o traslado da feira de San Marcos ao campo de San Francisco en Noia.
O século XIX supón tamén o inicio dunha importante emigración cara América debido á carestía da vida provocada polo aumento constante das rendas da terra.
A finais do século, as últimas guerras coloniais en Filipinas e Cuba levan de novo a combate a moitos noieses, entre eles a Luis Cadarso, comandante do antigo “Reina María Cristina”, fundido na batalla de Cavite polos indestrutibles acoirazados dunha potencia en ascenso, a norteamericana.
O século XX trae importantes novidades, entre elas destacan as loitas agrarias que darán, en 1923, a plena propiedade das terras que cultivan en arrendamento ós campesiños galegos tralo pago de certas indemnizacións que será posible realizar gracias ás remesas de cartos dos emigrantes, co cal a poboación noiesa volve experimentar un novo crecemento (en 1930 ten case 11.000 habitantes) que continuará ata hoxe con esporádicas interrupcións: a guerra do 36 que coa separación dos matrimonios e o elevado número de mortes e exiliados fai que o crecemento se deteña ata os anos 40, e a década dos 60 co inicio da emigración masiva a Europa.
Pero as novas remesas dos emigrantes significan outro pulo para o municipio, que coa súa actividade comercial serve de atracción para unha numerosa poboación dos concellos limítrofes (Lousame, Son...) a pesar de que o desenvolvemento non alcanza ás actividades industriais nin ao sector primario: campo, gandería e pesca non se modernizan; só a extracción de berberecho do fondo da ría parece supoñer unha fonte importante de produción de riqueza xunto ao sector servizos.