Noia está vinculada ao mundo da cultura en todos os seus ámbitos, tanto a partir do seu patrimonio histórico como a través dos diferentes eventos que se celebran no municipio en todas as épocas do ano, e que contan nalgúns casos con relevancia internacional.
A nosa historia nas súas diferentes épocas, que deixou innumerables pegadas ao longo da nosa localidade, pode observarse nos nosos edificios históricos que inclúen unha ampla colección de pazos, os nosos museos dedicados a laudas gremiais ou a nosa tradición marítimo pesqueira, os nosos vestixios arqueolóxicos en contornas naturais de enorme beleza ou as nosas pontes, unha conexión que salva as barreiras impostas polos ríos e o Atlántico e que na actualidade son case un aceno de identidade da nosa vila.A cultura en Noia está viva e se o que buscas é planificar unhas vacacións nas que poder gozar dunha programación de eventos interesante, aquí deixámosche algunhas suxestións.
Ao longo de todo o ano é posible escoitar música en directo nas rúas do casco histórico, especialmente durante a celebración dos festivais de jazz e de arpa, que reúnen aos principais artistas do panorama autonómico e a importantes músicos chegados de todo o mundo.
O cine ten unha gran relevancia na vila grazas á súa mostra de curtametraxes, que se leva celebrando dende hai máis de vinte anos e que é un dos festivais colaboradores dos Premios Goya para a preselección de curtas. Ademais, os artesáns de Galicia tamén se dan cita na vila coincidindo coa celebración da Feira Medieval, que ten entre os seus principais obxectivos poñer en valor os produtos de Artesanía de Galicia.
E se o que buscas é unha viaxe cun marcado carácter histórico, non deixes de descubrir o Portus Apóstolis, que vincula ao municipio coa historia do Camiño de Santiago e toda a lenda que o rodea.