Diversos sinais luminosos e, segundo algúns textos, estrelas avistadas por un ermitán sobre un bosque, sinalaron no mapa galego o que máis adiante sería a catedral de Santiago e posterior o crecemento da cidade que actualmente é a capital de Galicia.
Este estraño fenómeno que tivo lugar no século IX provocou que, segundo os escritos da época,se descubrise o sartego do Apóstolo Santiago. O "campus stellae" ou campo de estrelas, poñería apelido á zona, expresión que acabou derivando no que hoxe en día coñecemos como Compostela e provocou un gran desenvolvemento de zonas próximas como é o caso da nosa localidade, que se converteu no Porto do Apóstolo.
O rei Fernando II funda en 1168, coa concesión da Carta Poboa de Noia, un novo burgo, "Totum Bonum", para facer e restaurar o Porto do Apóstolo citado como Portus Apóstoli. Isto indica a importancia da actividade portuaria que había na vila, no porto recalaban moitas naves con mercadorías e persoas que dende Noia se dirixían a Santiago en peregrinación, pois, desde o ano 1122 o papa Calixto II concedeu a graza de Ano Santo á igrexa xacobea. Catro anos despois celebrouse o primeiro Ano Santo Compostelán. Despois destas dúas celebracións, numerosos peregrinos europeos camiñaron dende Portus Apostoli ata o Locus Sancti, o lugar santo de Compostela).
En moitos dos edificios históricos da vila e nas lápidas con inscricións gremiais que se conservan na igrexa museo de Santa Maria A Nova pódense observar detalles de gravados e outros restos arquitectónicos que mostran a intensa relación de Noia co mundo da peregrinación.
Hoxe en día moitos son os peregrinos que apostan por facer este roteiro non oficial do Camiño de Santiago, que conta con diversos apoios para que se inclúa no catálogo de Roteiros Xacobeos recoñecidos.