Se por algo destaca a gastronomía local é polo seu berberecho, o mellor de Galicia e un produto de excelencia recoñecido en toda España.

Este bivalvo, rei da cociña en Noia, é o principal recurso que se explota nos areais da vila. Os sedimentos que deixa o río Tambre e os seus afluentes na súa desembocadura na ría de Muros e Noia, propician que a nosa localidade sexa o principal produtor de berberecho no Estado, chegando a recollerse un terzo da produción española.

Seméntase e colléitase a través de métodos artesanais, tanto desde embarcacións como a través de marisqueo a pé, nun sector conformado maioritariamente por mulleres. O seu tamaño e sabor son os dous aspectos que marcan o selo de calidade da orixe noiesa deste marisco. Pode degustarse nos diferentes establecementos da zona ao natural ou en empanada, principalmente.

A ameixa da zona é tamén un produto moi valorado no mercado, chegando aos 120 euros o quilo nalgunha ocasión.

 

Pero máis aló destes bivalvos, se hai unha elaboración culinaria que destaca en Noia é a empanada. Elabórase con masa de millo ou de trigo, unha peculiaridade que as diferenza das do resto de Galicia é porque a de trigo, unha vez no forno,  dáselle a volta coma se dunha tortilla se tratase.

Recheas de berberechos da zona, de carne ou peixes como o bacallau ou a xouba, hai unha ampla variedade que o visitante pode degustar nos diferentes establecementos e panaderías da nosa vila.

Con estes suculentos produtos como base da súa gastronomía, sen dúbida calquera visita a Noia debe acompañarse dunha boa comida e dunha visita ao mercado de abastos, un espazo perfecto para apreciar a diversidade de produtos da zona tanto do mar como da terra.

Para gozar dos mellores produtos locais creouse o distintivo Km.0 Mar Galaica na zona, que garante que os establecementos hostaleiros que inclúen este distintivo no seu restaurante, traballan con materia prima autóctona que provén da pesca costeira artesanal e que en ningún caso foi transportada desde un lugar que se atope a máis de 100 quilómetros desde o seu porto de descarga.