Fundada no ano 1327 polo arcebispo compostelán Berenguel de Landoira, a súa efixie aparece no tímpano da fachada principal, onde está representada a escena da Epifanía. Á súa vez o tímpano da porta lateral sur constata a data da consagración do espazo relixioso.
O templo de estilo gótico galego mariñeiro consta dunha soa nave con cuberta de madeira sobre tres arcos apuntados que arrincan de curtas pilastras dividindo a nave en catro tramos.
A capela maior, máis estreita e baixa que a nave, cun magnífico retablo barroco policromado que data de 1760, remata mediante bóveda de canón mentres que a capela de Pero Carneiro, levantada no século XVI e situada á beira do Evanxeo, faino con bóveda en forma de cuncha.
Co tempo engadíronse novos espazos. Nos lados da capela maior ábrense accesos que dan á sancristía norte, construída no século XVII, hoxe destinada a almacén-arquivo de laudas sepulcrais, e á sancristía sur, século XVI, que alberga un espazo expositivo con laudas.
Antes de abandonar a visita á igrexa é interesante ver a pila bautismal do século XV, o sartego de Ioan de Estivadas, século XVI, e a exposición permanente de lápidas sepulcrais.
No camposanto é de mencionar o cruceiro gótico, na parte sur, e o baldaquino coñecido polo nome de “Cristo do Humilladoiro” do século XVI na parte norte, así como os sartegos que rodean á igrexa e a magnífica colección de lápidas sepulcrais, pois hai máis de cincocentas, comprendidas entre os séculos XIV ao XIX e que a converten nun conxunto único.
Igrexa e cemiterio compoñen un conxunto declarado histórico artístico no ano 1973.
Actualmente no seu interior atópase un museo de Laudas Sepulcrais, sobre o cal podedes descubrir máis no apartado de museos desta web.